Pérez Ínsua encabeza a lista do PP noiés

NOIA > Un bo número de persoas, principalmente militantes e simpatizantes do Partido Popular de Noia, déronse cita esta pasada fin de semana no hotel Park, para asistir ó acto de presentación de Antonio Pérez Ínsua como cabeza de lista desta formación política. O acto serviu tamén para dar a coñecer ás persoas que o acompañarán na candidatura coa que o PP pretende revalidar catro anos máis a alcaldía noiesa.

candidatonoia_300_230407.jpgEntre os asistentes ó acto atopábanse varios alcaldes da zona como é o caso do de Lousame, Santiago Freire, Outes, Carlos López Crespo, e Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, que quixeron arroupar a Antonio Pérez Ínsua na súa presentación. Tamén estivo presente o deputado barbanzán Manuel Ruíz Rivas que durante a súa intervención destacou varias actuacións de gran importancia levadas a cabo durante estes últimos catro anos entre as que destacou a tan ansiada depuradora, a recuperación e mellora do casco histórico da vila ou mesmo a ampliación do paseo marítimo.

O discurso do candidato do PP noiés dirixiuse tamén nun primeiro momento a facer balance dos catro anos á fronte da alcaldía, destacando diversas obras executadas. Fixo referencia á depuradora municipal coma un dos seus principais logros xa que o saneamento da ría era un dos aspectos que máis o preocupaban. Tamén aludiu á construción dos paseos marítimos de Noia e Boa cos que se conseguiu mellora-la estética do bordo litoral do municipio, así como diversas actuacións no casco histórico no que resaltou o proxecto de empedrado e canalización dos servizos básicos no casco histórico ou a creación das zonas de bulevar no Ferrador e Besteiros.

Antonio Ínsua tampouco esqueceu as inversións levadas a cabo nas distintas parroquias do municipio. Durante a súa intervención o candidato do PP noiés tamén falou de futuro marcándose como reto se revalida a alcaldía consegui-la construción da ponte sobre a ría, eliminando así o trazado da variante interior que tanto afecta ós veciños, e a aprobacion do PXOM. Tamén se marca como obxectivo a posta en marcha, xunto co concello de Lousame, dun polígono industrial de carácter comarcal, que estaría ubicado na zona de Fontefría.

Redacción Salnés