A banda Unión Musical de Meaño, recoñecida nos Premios Martín Códax da Música

PONTEVEDRA>  A banda Unión Musical de Meaño faise co premio Martín Códax da Música na categoría de banda de música popular. A gala de entrega de premios tivo lugar onte á noite na cidade de Pontevedra. Nela, rendeuse tamén homenaxe a ‘Fuxan os ventos’. O mítico grupo foi recoñecido co Premio Honorífico deste ano.  O acto serviu tamén para reivindicar máis apoio do sector aos proxectos musicais do país.

O Pazo da Cultura de Pontevedra converteuse nunha auténtica verbena popular para festexa-la novena edición dos Premios Martín Códax da Música. Na gala non faltaron reivindicacións, para que o sector apoie máis aos proxectos musicais do país. Tamén referencias á pandemia e á volta á normalidade, tamén nas salas de concertos ou nas verbenas e festivais. O premio da categoría de banda de música popular quedou no Salnés: foi para a banda Unión Musical de Meaño. Outra das bandas míticas que tivo distinción foi Fuxan os ventos: recibiron o Premio Honorífico deste ano.

A pontevedresa Sheila Patricia fíxose co galardón da categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe; mentres que Airiños da Freba foi recoñecido na categoría de Música Tradicional. Nastasia Zúrcher, compositora galego-suíza, fíxose co premio máis agardado da noite, o de artista do ano. Outro dos premios destacados, o de artista emerxente, foi parar para Antía Muíño.

As adegas Martín Códax patrocinan estes galardóns, promovidos por Músicas ao Vivo. A gala de onte, por certo, servíu tamén de presentación da nova directiva que dirixirá a entidade durante os vindeiros anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí