Lousame acolle a XI Mostra de Teatro Afeccionado

LOUSAME> A Concellería de Cultura do Concello de Lousame, en colaboración coa asociación cultural Xuventude de Cruído e coa asociación cultural Toxos e Carrouchas, organizan a XI Mostra de Teatro Afeccionado Concello de Lousame, que este ano reunirá a cinco compañías: Tastarabás, Teatro da Falúa, Teatro do Improvisto, Brandomin Teatro e Teatro Mutis. As actuacións terán lugar durante os próximos 5 domingos, coa excepción da segunda actuación, que está programada para o sábado 15 de novembro. Nos cinco casos, as representacións terán lugar na Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame, ás sete da tarde. En tódoloss casos, a entrada é libre e de balde. A compañía de teatro afeccionado de Lousame, Tastarabás, será a encargada de inaugurar a Mostra este domingo 9 de novembro. Representarán a súa obra “Sopa de Radio”, que veñen de presentar en Santiago de Compostela e que xa representaron este ano en Lousame. A semana seguinte, Teatro da Falúa protagonizará a única actuación en sábado: o 15 de novembro con “A Princesa prometida”. Os seguintes tres domingos contarán coas representacións de: Teatro do Improvisto, Bradomin Teatro e Teatro Mutis.