A AMUPo accede á Federación Española de Amigos dos Museos

PONTEVEDRA> A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra vén de ser aceptada coma membro da Federación Española de Amigos dos Museos. O ingreso efectivo, que terá lugar no congreso nacional que se celebrará en abril en Girona, permitirá a AMUPo participar en actividades conxuntas cunha rede de máis de 300 entidades.

A Federación Española de Amigos dos Museos vén de aceptar a AMUPo como membro de pleno dereito. Cúmprese así un dos obxectivos do plenario.

A actividade das asociacións de amigos dos museos  resulta moi importante para a promoción dos centros expositivos, xa que realizan investigacións e organizan eventos divulgativos de maneira paralela e complementaria á programación das propias entidades museísticas.

Na axenda de AMUPo  están a día de hoxe o lanzamento dunha publicación anual e a celebración dun congreso na primavera.

O Museo de Pontevedra atópase no proceso de cambio de dirección trala xubilación de Carlos Valle. É momento, polo tanto, de facer balance da xestión. Tamén de propor a dirección desexada para o Museo.

Dende a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra lembran a relevancia deste espazo expositivo.

Agardan que a integración na FEAM supoña unha maior visibilidade para as importantes coleccións do Museo de Pontevedra  en todo o Estado español.