Stop Desafiuzamentos alerta dun novo aumento das familias en risco de exclusión

    RIBEIRA> Dende a Plataforma Stop Desafiuzamento Barbanza alértase dun novo aumento de familias, principalmente dentro do municipio de Ribeira, que demandan axudas de emerxencia, ante a imposibilidade de poder facer fronte ás súas cotas hipotecarias, ó alugueiro das súas vivendas habituais ou mesmo ó pago das súas facturas da luz, gas ou alimentos. Dende a Plataforma aplauden a contratación dunha nova asistenta social para o departamento de Servizos Sociais en Ribeira coa finalidade de mellorar a atención a estas familias e axudarlle a mellorar a súa situación, axilizando os trámites e o protocolo, sen que iso supoña un prexuízo para estas familias ó borde da exclusión social. Por outra banda, tamén anunciaron que membros da entidade acudirán mañá a Santiago para participar no encontro de todalas plataformas en contra dos desafiuzamentos para tratar de coordinarse e aunar esforzos co fin de levar a cabo actuacións conxuntas ante a Administración, como é o caso da nova Iniciativa Lexislativa Popular de Galicia.