A Cámara de Comercio abordará no Barbanza as claves do éxito para o comercio local

    BOIRO> A Antena Local de Boiro da Cámara de Comercio de Santiago organiza unha xornada para ensinar aos comerciantes a posicionar e mobilizar con éxito o seu comercio. Celebrarase o mércores, día 12, na Asociación Boirense de Empresarios ás dúas e media da tarde, e o xoves, día 13, na Asociación de Empresarios de Ribeira ás nove. A experta en interiorismo, merchandising e escaparatismo de grandes firmas comerciais Encarnación Juncal impartirá esta xornada enfocada a explicar o concepto de tenda, os cambios evolutivos do pequeno comercio, o valor da propia marca e a importancia do deseño interior dun negocio. Encarnación Juncal explica que os pequenos comerciantes deben empezar a moverse ao son que marcan e queren os novos clientes e preguntarlles o que necesitan para así buscar o produto a través do provedor indicado. A especialista destaca que a actitude tradicional onde o comerciante pedía unha serie de produtos aos provedores xa non funciona. A experta apunta que os comerciantes deben coñecer os perfís dos seus clientes, cada vez máis informados e cosmopolitas, e envolver o espazo comercial de forma máxica para vender o produto como unha experiencia de compra diferente e inesquecible. Juncal asegura que sen grandes custos e con pequenos investimentos low cost o comerciante pode modificar a súa tenda coa finalidade de aumentar as vendas e fidelizar ao clientes habituais, seguindo unha liña ascendente cara ao éxito empresarial.