Juan Antonio Gude e Rocío Alvite vencedores da Carreira Popular ‘Mar de Boiro’

BOIRO> Na proba celebrada este domingo participaron uns setecentos corredores, sumando tódalas categorías. Onte domingo disputouse a décimo terceira edición da carreira popular Mar de Boiro, undécimo memorial Pepe Buceta. A organización da proba, que correu a cargo do Departamento de Deportes boirense, destacou a alta participación, con máis de 700 inscritos, sumando tanto a categoría de adultos como as de escolares e mini. A saída producíase ás once da mañá coa presenza das distintas autoridades locais, entre as que se atopaban o alcalde, Xoán Xosé Dieste, quen destacou a importancia da carreira, que co paso dos anos está a adquirir un maior protagonismo. O bo tempo existente durante toda a mañá axudou ó bo desenvolvemento da mesma, sendo numerosos os afeccionados que seguiron a proba ó longo de todo o seu percorrido, que estivo dividida ademais en varios trazados segundo as idades e categorías. O vencedor da proba na categoría absoluta masculina foi Juan Antonio Gude do Club Montepenarubia que completou o percorrido cun tempo de 32 minutos e 5 segundos. En segundo lugar quedou Amador Pena do Club Atletismo O Pino cun tempo de 32 minutos y 53 segundos. E catro segundos máis tarde entraba o terceiro clasificado, José Lojo do san Miguel de Marín. En canto á categoría feminina absoluta a vencedora foi a esteirana Rocío Alvite do Atletismo Sar-Petroni cun tempo de 38 minutos e 41 segudos. En segundo lugar quedou Elena matalobos da Sociedade deportiva Barbantia Roda cun tempo de 41:42 e o terceiro posto foi para Teresa Carneiro do Club Atletismo Santiago cun tempo de 42:15. Ademais do seu aspecto puramente deportivo, a carreira converteuse nunha gran festa do deporte.