Matías Prats novo socio do Club Exxpopress

    BOIRO> O Club Expopress de Xornalistas de Galicia segue a engrosar a súa lista de socios ilustres. O último en unirse a este selecto grupo foi Matías Prats. Como vén sendo costume o recoñecido xornalista apadriñou esta mañá unha árbore no parque da Comunicación, na zona de Praia Xardín en Boiro onde xa figuran nomes coma os de Pepe Domingo Castaño, José María Íñigo, Fernando Ónega, Rosa María Mateo, Victoria Prego ou Paloma Gómez Borrero, entre outros. Con anterioridade Matías Prats foi recibido no concello boirense polo alcalde, Xoán Xosé Dieste, e demais membros do seu equipo de goberno. Arestora e baixo a presidencia da secretaria xeral de Medios da Xunta,  Mar Sánchez, estase a celebrar no restaurante Chicolino a gala de entrega dos Premios Exxpopress 2014, que concede a dita asociación e na que este ano os galardoados foron o propio Matías Prats, a serie “Cuéntame cómo pasó” de Televisión Española, a cantante Luz Casal, o adestrador de fútbol Fernando Vázquez e a plataforma Stop Desafiuzamentos Barbanza. Aproveitarase ademais o acto para presentar a campaña de promoción turística “Barbanza é noticia”, protagonizada por Luis del Olmo, Paloma Gómez Borrero, Alfredo Amestoy e Mari Carmen Izquierdo.