Froiz prevé aumentar a súa plantilla nun 20-30% tras abrir en Barro-Meis

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/17/froizpoligonobarromeis.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/17/POLIGONO_BARRO_MEIS_FROIZ.mp4{/flowplayer} BARRO> Máis de cincocentas persoas traballarán no complexo que supermercados Froiz levantará no polígono de Barro Meis. O propietario do grupo visitou esta mañá os máis de setenta e tres mil metros cadrados de superficie que adquiriron recentemente e no que prevén despregar varias instalacións destinadas ás mercadorías, ó acomodo da flota de camións, pero tamén a servizos adicionais como gardería para os nenos dos empregados ou un comedor. O grupo Froiz pretende comezar de inmediato a levantar o seu novo centro de operacións no polígono de Barro Meis. Un complexo que se estenderá ó longo dos 73.394 metros cadrados de superficie que a empresa vén de adquirir no parque empresarial e que incluirá desde unha sala de vendas ata un espazo para gardar a flota de camións ou unha gardería infantil para os cativos dos traballadores. Froiz prevé que as instalacións ocupen a máis de 500 persoas, co que, en canto entren en funcionamento, o grupo terá ampliado o seu cadro de persoal entre un 20 e 30 por cento. A central de Lourido, en Poio, manterase como núcleo da empresa aínda que se prevén remodelacións. O único que lle falta para poder poñerse mans á obra é contar con subministro eléctrico. Desde a Deputación de Pontevedra aseguran que estes traballos xa están en marcha e que ademais se vén de crear unha comisión de seguimento específica para ir cubrindo sobre a marcha tódalas necesidades que presente a actuación. Estes traballos discorrerán parellos ó levantamento do viveiro de empresas do polígono, xa en marcha, e do centro de servizos para os usuarios que se instalen nel. Ademais o presidente da Deputación lembrou que a partir do próximo mes de xaneiro abrirase un novo período para que todas aquelas empresas interesadas en adquirir terreos no parque poidan presentar as súas propostas. O prazo manterase aberto durante todo o 2015.