O Centro Juan XXIII xestionará en breve un novo aparcadoiro en Pontevedra

PONTEVEDRA> A Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII de Pontevedra é pioneira na creación de emprego para persoas con discapacidade intelectual en Galicia.

Desde a creación do primeiro posto de emprego nun kiosko de prensa no ano 1978, a inserción de traballadores no mercado laboral foi continúa ata chegar ás 25 persoas actuais; amais de posibles traballadores eventuais segundo a tempada. Este kiosko situado nas inmediacións do Hospital Provincial de Pontevedra foi o primeiro centro de traballo habilitado desde esta Fundación; ó que se lle une a día de hoxe o situado no Hospital de Montecelo. Para traballar aquí, os empregados da Fundación recibiron antes unha formación específica no centro ocupacional Juan XXIII, posto que non é nada doado como puidera parecer levar este pequeno negocio. Pero a liña de actividade máis importante para esta Fundación é a da xardinería. Os principais clientes destes servizos de xardinería son as administracións públicas aínda que tamén hai clientes privados, como poden ser comunidades de veciños que tamén se animan a darlle unha oportunidade laboral a estas persoas sobradamente capacitadas. Hai moitas persoas con discapacidade á espera de conseguir un emprego estable co que se precisan empresas ou particulares que se animen a encargarlles a eles estes servizos. A Fundación Juan XXIII segue na procura de novos vieiros de emprego, de feito están a ultimar os trámites administrativos e urbanísticos para comezar a xestionar un aparcadoiro no centro da cidade de Pontevedra que lle ven de ser adxudicado, e que dará emprego a catro traballadores. Con estes postos de traballo e cos que veñan, Juan XXIII procura unha mellor calidade de vida para as persoas aqueixadas dalgunha discapacidade, especialmente as intelectuais. Pero para levar adiante toda esta labor social é mester contar co financiamento preciso. C o fin de seguir apoiando o ámbito da discapacidade no vindeiro ano , o Goberno Galego destinará o vindeiro ano un 3 % máis de recursos, un total de cen millóns de euros; dos que 17.7 millóns irán destinados exclusivamente á empregabilidade das persoas con discapacidade.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/18/XARDINEIRO.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/12decembro/18/discapacidade.mp4{/flowplayer}