Medran as vendas para o Sorteo do Neno

    RIBEIRA> A lotaría do Neno ofrece unha segunda oportunidade a aqueles que non conseguiron rozar nin un belisco na de Nadal. O sorteo de Reis repartirá máis de cincocentos millóns de euros. Cada galego xogará unha media de catorce euros, cifra que supón un lixeiro incremento con respecto ó 2014. Trala euforia do sorteo do Nadal que deixou importantes premios nas comarcas da Arousa, a ilusión volve protagonizar a xornada previa ó sorteo de Reis. As colas de última hora dan idea da esperanza que moitos depositan no sorteo que repartirá cincocentos sesenta millóns de euros. En moitas administracións xa se esgotaran os décimos con esta terminación que, ademais de ser a favorita, coincidiu co último número do gordo de Nadal. Mañá a mediodía volverán soar os bombos nun sorteo moito máis curto que o de Nadal pero que xera idéntica ilusión. Pode que Galicia repita a mesma sorte que o ano pasado cando o gordo caeu integramente en Monforte de Lemos.