Subsanado o erro no proceso de adxudicación do servizo de alumeado municipal

    RIBEIRA> A totalidade dos grupos que compoñen a corporación municipal entoaron o ‘mea culpa’ ó non decatarse ningún do erro cometido na primeira adxudicación. Un erro no proceso de adxudicación do contrato para a prestación do servizo de subministro de iluminación pública exterior, por un importe de 10’2 millóns de euros, e que estará vixente por un período de doce anos, provocou a celebración dun novo pleno con carácter extraordinario. Unha vez que a empresa que obtivo maior puntuación no concurso, Obras y Servicios Lijó S.L., non presentara a documentación requirida no prazo establecido, no pleno do pasado 29 de decembro aprobouse outorgarlle á segunda licitadora , a firma Clece -filial de ACS-, un prazo de dez días para cumprir con ese mesmo trámite. Mentres os técnicos municipais continuaban co proceso de adxudicación decatáronse dun erro que anteriormente pasaran por alto, como foi o feito de que a dita empresa non alcanzara a puntuación mínima nas referencias técnicas que se lle esixía no prego de condicións, razón pola cal quedaba excluída da licitación. Así pois, unha vez excluída Clece, a firma que presentara a terceira mellor oferta, Ferrovial, foi finalmente a escollida. A empresa deberá tamén presentar a documentación necesaria antes de procederse á súa adxudicación definitiva. O punto saíu adiante por unanimidade, coincidindo tódolos grupos con representación municipal no erro cometido, non sen antes destacar a máxima transparencia levada a cabo en todo o proceso, razón pola cal mesmo se acordou celebrar esta sesión extraordinaria.