A Canicouva acollerá a planta de compostaxe de concello e Deputación

PONTEVEDRA> A futura planta de compostaxe de Pontevedra xa ten ubicación. A Canicouva acollerá a instalación, na que a Comunidade de Montes ve unha oportunidade para obter ingresos. Aínda que está sen concretar, estímase que os comuneiros recibirán preto de 20.000 euros anuais.

 

Concello e Deputación xa teñen localización para a súa planta de compostaxe. Será o lugar de Loureiro, na Canicouva, unha opción que apoiou maioritariamente a asemblea da Comunidade de Montes do lugar.

Aínda que as condicións están por fixar, Mosquera estimou que os comuneiros recibirán preto de 2.000 euros anuais por hectárea. O proxecto ocuparía 10 hectáreas, e a cesión sería por 30 anos prorrogables.

Tanto os representantes dos veciños como os do concello desbotaron que a planta vaia provocar protestas na zona.

Especialmente satisfeito amosouse o alcalde pontevedrés. Miguel Anxo Fernández Lores destacou o respecto polo medio ambiente que vai marcar a actuación da planta.

Quen tamén celebrou este novo paso cara a instalación da planta foi o outro piar do proxecto. O presidente da Deputación asegura que, ata o de agora, a tramitación segue o curso previsto.

Solucionado o escollo da localización, queda outra traba no camiño. Que o concurso para adxudicar o servizo provincial de recollida de lixo quedara deserto, afasta no tempo que a planta de compostaxe sexa unha realidade no futuro máis próximo. Por iso, tendo en conta tamén os trámites administrativos, César Mosquera apuntou a que non será ata mediados do 2017 cando a planta poida estar en funcionamento.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/09/planta_compostaxe.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/09/planta_compostaxe.mp4{/flowplayer}