Concello e Xunta difiren na súa valoración da reunión sobre o transporte público

PONTEVEDRA> O concelleiro de mobilidade asegurou esta tarde que Pontevedra está en condicións de implantar o transporte a demanda. É a conclusión que extrae da reunión mantida esta mañá na Xunta entre técnicos das administracións autonómica e local, na que se coincidiu en que é un modelo que pode dar resultado para atender a unha poboación dispersa e non moi grande coma a de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra amosouse este mediodía “agradablemente sorprendido” pola reunión que mantiveron esta mañá os técnicos municipais coa Xunta de Galicia sobre o transporte público no municipio.

O concelleiro de Mobilidade asegurou, logo da reunión, que cos acordos acadados, Pontevedra terá un transporte a demanda punteiro. O Concello comprometeuse a iniciar o proceso para elaborar un proxecto de explotación deste tipo de transporte en Pontevedra, que terá que remitir á Xunta para a súa aprobación.

Ademais do transporte a demanda, na reunión abordouse tamén o transporte regular colectivo por estrada. O Concello agardará a  que a Xunta expoña as liñas previstas para cruzar Pontevedra. Unha vez que se coñeza ese plan de explotación, faranse as achegas correspondentes co obxectivo de evitar a duplicidade de operadores.

A Consellería de Infraestruturas tamén valorou, a través dunha nota de prensa, a reunión celebrada. As conclusións foron bastante distintas ás do Concello, xa que consideran que supuxo a confirmación da ausencia dun plan na administración local para asumir a obriga unha vez caduquen as concesións autonómicas. A Xunta insiste en que aínda que o Concello presenta unha proposta de estudo para o transporte baixo demanda, mantén bloqueada a posta en marcha do Plan de transporte metropolitano.