Louzán presenta o seu equipo á fronte da Federación Galega de Fútbol

SANTIAGO> Xa é oficial. A Federación Galega de Fútbol xa ten nova directiva, un equipo encabezado polo presidente Rafael Louzán que onte tivo en Santiago a súa posta de longo. Máis de 600 persoas, entre elas o presidente da Federación Española de Fútbol, Ángel María Villar, asistiron á presentación na que se fixaron as liñas mestras que marcarán a xestión da Federación, todo na procura dun cambio da forma de traballar.

 

Dende o Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, Louzán presentou ao mundo do fútbol galego a que xa é a nova directiva da Federación, que conseguiu o apoio maioritario nas eleccións de decembro.

No equipo hai nomes coñecidos nos despachos do fútbol galego, destacando o expresidente do Pontevedra, José Manuel Fernández, o máximo dirixente do Coruxo, Gustavo Falqué, ou a presidenta do Atlético Arousana, Aránzazu Ruíz. 

Todos forman parte do proxecto encabezado por Rafael Louzán que, asegurou, presentou a súa candidatura animado por moitos clubs galegos.

Ante o auditorio, o novo presidente resumiu as que serán as liñas mestras do traballo da Federación. Unha axenda na que os problemas coa mutualidade terán un peso especial.

Mellorar as instalacións deportivas, as delegacións da propia Federación e conseguir unha Federación máis próxima aos clubs e máis transparente, son outros dos propósitos de Louzán.

O novo presidente e a súa directiva estiveron arroupados por máis de 600 persoas que asistiron ao acto. Entre todos, un invitado especial: o presidente da Federación Española de Fútbol, Ángel María Villar.

Ademais de Villar, caras coñecidas da política e do Partido Popular, como o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e un gran número de rexedores da comarca do Salnés, quixeron apoiar ao seu líder provincial na estrea do seu novo cargo á fronte do fútbol galego. Do mundo do deporte, tamén estiveron persoeiros importantes, como os presidentes do Deportivo, Tino Fernández, do Celta, Carlos Mouriño, e do Lugo de segunda división, José Bouso.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/09/federacion_galega_futbol.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/09/federacion_galega_futbol.mp4{/flowplayer}