A Xustiza declara legal a folga en Lantero e o pleno bloquea o convenio urbanístico

    VILAGARCÍA> A folga de Lantero é legal. Primeiro respiro en 101 días para os traballadores da cartoneira. A xustiza vén de darlles a razón ó desestimar a petición da dirección da empresa para que o paro fora declarado ilegal. Na sentencia emitida polo xulgado do Social de Pontevedra bota por terra os dous motivos nos que asentaba a firma a súa denuncia: que a declaración de folga se adoptou supostamente nunha reunión popular aberta á que asistiran persoas que non eran traballadores, e que non lles entregaron copia da comunicación de folga realizada ante a autoridade laboral. Tras sentar que o dereito a folga é un dereito fundamental, desestima os alegatos da dirección de Lantero en base ás probas practicadas e presentadas pola defensa do comité. Desestimada integramente a demanda, como di a sentencia, queda aínda aberta a posibilidade de que Lantero interpoña recurso de suplicación ante a sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nun prazo de cinco días. Paso que desde a dirección xa avanzaron que van a dar. Pero polo momento, queda freado o seu intento de despedir ós once integrantes comité, ameaza que realizaran se o paro se declaraba ilegal. Apenas unha hora despois de coñecer o contido desta sentencia, os representantes dos traballadores asistían en Vilagarcía a un pleno extraordinario no que o conflito laboral de Lantero foi o protagonista. Os grupos da corporación respaldaron por unanimidade a moción presentada por Esquerda Unida para a revisión do convenio urbanístico que recalificou os terreos da compañía na súa antiga ubicación en Rosalía de Castro Era o primeiro en tomar a palabra no pleno extraordinario. O presidente do Comité de empresa, que apenas unha hora antes coñecía a sentencia que fallaba a favor dos traballadores de Lantero e decretaba a súa folga como legal, atopaba un motivo máis para pedir o apoio do concello, do alcalde, para seguir loitando polos seus postos de traballo. O conflito de Lantero colábase na orde do día da man dunha moción presentada por Esquerda Unida na que demandaba o apoio de toda a corporación para declarar nulo o convenio urbanístico que no seu día o concello firmaba coa empresa para recalificar os terreos da antiga fábrica en Rosalía de Castro. A moción saíu adiante por unanimidade, aínda que con ‘peros’. Reparos apuntados polo alcalde Tomás Fole, que pedía tempo para buscar a fórmula máis axeitada para bloquea reses terreos desde o punto de vista urbanístico. Unha escusa que sentou mal nas ringleiras de Esquerda Unida. Na liña dos traballadores, desde o BNG reclamaron a Fole maior implicación e os socialistas, que actúe ante a Xunta para que esta responda ás peticións de información que o PSOE presentou en outubro ante o Parlamento sobre a concesión de axudas públicas a Lantero e as súas condicións. Hoxe rexistraron ante o Valedor do Pobo unha queixa ó respecto. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/21/lanteroplenosentencia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/21/PLENO_EXTRAORDINARIO_VILAGARCIA.mp4{/flowplayer}