Continúa sen éxito a busca do home desparecido en Catoira

    buscacatoira_100jpg.jpgCATOIRA > O dispositivo de busca desprazado dende o sábado en Catoira aínda non deu resultados do paradoiro de José Iglesias Laseiro, …

    … o veciño da vila de 52 anos desaparecido a fin de semana. Segundo parece, o home, natural de Valga, saíra a pasear o venres pola tarde, cando os seus familiares o viron por última vez.

    Un paraugas co que o home se axudaba para camiñar, xa que tiña problemas de mobilidade, e unha carteira súa que apareceron no pantalán do río xunto ás Torres do Oeste, son as únicas pistas polas que a Garda Civil pensa que puido caer ó río.

    Seis mergulladores do corpo GEAS da Garda Civil, rastrexaron as augas do Ulla pola mañá e pola tarde. Xunto a eles, un helicóptero do 112 tamén sobrevoou a zona. De non aparecer nas proximidades do pantalán non descartan que puidese ser arrastrado pola mareas, río abaixo, o cal complicaría moito a súa busca.

    Por terra, tamén hai outro dispositivo formado por membros de Protección Civil de Valga e Catoira. Apoiados por cans da Protección Civil da Estrada, buscan ó desaparecido polas inmediacións do Ulla en Catoira, e mesmo por Valga, onde vive parte da súa familia. En Rianxo, ó outro lado do Ulla, tamén traballou hoxe un grupo de Protección Civil na supervisión da marxe do río que linda co municipio, por se as correntes puidesen arrastrar ata aló ó home.

    Mañá, os buzos do GEAS volverán a rastrexar o río, a altura das Torres do Oeste. Mentres, membros de Protección Civil buscarán por terra a José Iglesias.