O GROVE> Tamén no Grove pensan en medidas para reactivar a súa economía local. Así naceu a marca Merca No Grove, que busca fomentar o consumo no municipio ofrecendo aos comercios unha plataforma para promocionar os seus produtos de xeito conxunto e individualizado. A iniciativa conta co respaldo do concello.
Concienciar á cidadanía da importancia de consumir no comercio local. Este é o obxectivo final da campaña Merca No Grove, unha campaña que naceu da iniciativa de Todogrove e á que rapidamente se sumaron outros colectivos do municipio e o propio concello.
Como é frecuente nestes tempos, Merca No Grove convértese nun hashtag co que promocionar de xeito conxunto ou individualizado o comercio local a través das redes sociais.
Emgrobes, o colectivo Grovemakers e a praza de abastos xa se sumaron a esta campaña, para recordar á súa veciñanza a importancia de apoiar o comercio de proximidade.
O concello complementará esta campaña con outras iniciativas, entre elas un market place con todo o produto local para facilitar a venda online.