A II Liga Local de Orientación de Porto do Son arrancará o 8 de febreiro

PORTO DO SON> A boa experiencia do primeiro ano foi unha das principais razóns que levou ó club Arnela e o concello a volver a organizala. A Centro de Interpretación dos Castros de Baroña foi o lugar escollido para a presentación da segunda edición da Liga Local de Orientación organizada pola asociación cultural e deportiva Arnela en colaboración co concello de Porto do Son . A competición contará este ano cun total de oito probas, incluíndo unha nocturna e outra de relevos, que se desenvolverán por lugares emblemáticos e de gran beleza do municipio como poden ser os Castros, os Chans do Barbanza ou Cabeiro, entre outros. A primeira das citas será na Lagoa, o domingo 8 de febreiro. Para a organización da liga, o club Arnela conta co apoio do concello, que confirma a súa aposta por un deporte que cada vez ten máis seguidores na comarca. Os amantes da natureza teñen pois unha cita en Porto do Son. As inscricións para participar nestas probas xa poden realizarse. Para máis información, os interesados poden consultar tamén a páxina web do club: www.adcarnela.wix.com.