LOUSAME> Carlos Lorenzo e Tina Fernández foron os gañadores absolutos, na modalidade de dez quilómetros, mentres que na outra das distancias en competición, a de cinco quilómetros, o trunfo foi para José Miguel Gómez e Noelia Iglesias.
Uns 330 corredores, moitos menos dos que estaban inscritos previamente, tomaron parte onte domingo na cuarta edición da Carreira Popular Pilar Barreiro Senra. Unha proba que estivo moi condicionada polo tempo. A chuvia, e algún que outro refacho de vento, non deron tregua durante toda a mañá, marcando en boa medida o bo desenvolvemento da carreira. E é mais, a adversa metereoloxía a piques estivo de provocar unha traxedia, debido á caída da estrutura ríxida da meta previa ó inicio da saída da categoría benxamín. Foi un gran susto, funfamentalmente para os pequenos, e tamén para as súas familias. Aínda que por fortuna, todo se quedou en nada.
A partir de aí todo continuou sen indidencias. Na categoría absoluta en homes, na distancia de dez quilómetros, a vitoria foi para o atleta, Carlos Lorenzo do C.D. Portosín cun tempo de 34 minutos e 37 segundos. Por detrás del entraron na liña de meta o seu compañeiro de equipo, Juancho Balderrábano e en terceira posición Carlos Juanatey do Atletismo Sar-Vermú Petroni.
Na categoría feminina nesta mesma distancia de dez quilómetros, a vencedora foi Tina Fernández cun tempo de 38 minutos e 52 segundos. En segunda posición quedou María González do Orixinal MGM Team, complentando o podio Beatriz Barroso do Tribu Trail.
Polo que se refire á modalidade curta, a de cinco quilómetros, o vencedor en categoría masculina foi José Miguel Gómez do Club Atletismo O Pino e en mulleres Noelia Iglesias do Club Atletismo Noia.
Con anterioridade desenvolvéronse tamén as probas escolares con menor número de participantes que en anos anteriores debido principalmente ó mal tempo existente. Un feito que mesmo obrigou a ter que cambiar o acto de entrega de premios para a casa de cultura.
Dende o Concello lamentaron precisamente a mala climatoloxía durante toda a carreira, destacando o traballo realizado polos voluntarios que axudaron na organización da proba.