Arranca de xeito oficial a ampliación do Hospital do Salnés

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/26/acta_replanteo_hospital_salnes.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/26/acta_replanteo_hospital_salnes.mp4{/flowplayer} 

VILAGARCÍA> Xa é oficial: o Hospital do Salnés está en obras. Hoxe, o xerente do SERGAS e os representantes da empresa encargada dos traballos asinaron a acta de replanteo, que da o pistoletazo de saída ao proxecto de ampliación e reforma. En 19 meses terán que rematarse as actuacións, que afectarán a cinco áreas hospitalarias e comezarán coa construción do novo servizo de urxencias. A ampliación conta cun orzamento de 7,8 millóns de euros.

Se as obras seguen o programa previsto, o Hospital do Salnés estreará servizo de urxencias a comezos do 2016.

O novo edificio que albergará as urxencias ocupará unha superficie de 2.700 metros cadrados. Espazo que compartirá cun bloque obstétrico que incrementará tamén a capacidade asistencial deste servizo.

Na segunda e a terceira fases reformarase unha superficie xa existente de 1.400 metros cadrados. Primeiro, dotarase ao centro dun novo bloque cirúrxico que amplía a cinco os quirófanos existentes. Por último, crearase unha unidade de coidados postcirúrxicos e un novo hospital de día.

Con esta actuación, o Hospital do Salnés pasará a ter máis de 23 mil metros cadrados de superficie. Un incremento importante de espazo e de servizos, polo que o SERGAS non desbota a necesidade de ampliar, tamén, o persoal.

Para evitar que as obras afecten ao día a día do hospital, a xerencia ten previsto reunirse cos representantes dos profesionais este mércores, para informalos dos plans dos traballos.

A empresa encargada dos traballos conta con 7,8 millóns de euros e 19 meses, contando dende hoxe mesmo, para facer realidade esta vella demanda do Salnés.