BOIRO> Os socialistas acusan ó goberno local de pasividade á hora de actuar, ó denegarlle á axuda do Fondo de Emerxencia Local. O candidato socialista á alcaldía boirense, Manuel Maneiro, alertou dos problemas económicos que, cada vez máis familias do municipio están a padecer. Segundo el existen casos moi sangrantes, que mesmo non poden afrontar as necesidades máis básicas, tendo que acudir a Cáritas ou a ONG Contacto para subsistir. É o caso dunha familia de Sandrenzo formada por catro membros, con escasos recursos, que apenas teñen para comer, e á que o concello lle denegou unha axuda do Fondo de Emerxencia Local. Maneiro culpa desta situación ó actual equipo de goberno que mira cara outro lado ante os problemas. Bota en falla iniciativas como a posta en marcha dun comedor social ou a recuperación de programas que desenvolvía anteriormente o departamento de Servizos Sociais como é o caso do reciclaxe de enseres ou o bono compra e que foron desmantelados polo Partido Popular dende a súa chegada a alcaldía. Aínda así dende o propio goberno local aluden a que esta familia non cumpre os requisitos para poder acceder á axuda municipal, por iso se lle denegou, como tamén o fixo anteriormente a Xunta coa Renda de Integración Social, ou RISGA, ó considerar que tiña maior número de ingresos os requiridos. O propio alcalde, Xoán Xosé Dieste, sinalou que por este mesmo asunto se interesara o anterior voceiro socialista, Jorge Campaña, quen finalmente entendeu as razóns polas que o concello lle denegara a axuda.
Inicio Barbanza - Muros - Noia