Carlos Iglesias será o candidato dos socialistas para manter a alcaldía da Illa

    A ILLA> O Partido Socialista da Illa de Arousa xa ten a súa cara para as eleccións do mes de maio. Carlos Iglesias, actual tenente de alcalde do concello, será o aspirante a manter a alcaldía para os socialistas, tralo paso atrás dado polo actual rexedor, Manuel Vázquez. O partido aínda está a traballar no resto da candidatura na que, adiantaron, haberá caras novas.

    Carlos Iglesias é dende onte o encargado de defender o proxecto socialista para a Illa de Arousa nos comicios do mes de maio. A súa candidatura a alcaldable foi a única que se puxo sobre a mesa, e conseguiu o apoio unánime da asemblea. Agora traballan para conformar o resto da lista.

    Iglesias ten 33 anos, é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago e non é un descoñecido na política da Illa. A súa primeira incursión foi no 2011, e no concello ocupa os cargos de tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo e persoal. Para o seu debut como alcaldable, promete un programa centrado nos veciños.

    Carlos Iglesias substituirá a Manuel Vázquez, que no ano 1999 se converteu no primeiro alcalde saído das urnas para a Illa de Arousa, escindida de Vilanova no 1997. Despois de catro mandatos á fronte do goberno municipal, o pasado 30 de decembro daba un paso atrás e anunciaba que non repetiría como candidato do Partido Socialista á alcaldía da Illa.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/30/candidatos_psoe_illa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/30/candidatos_psoe_illa.mp4{/flowplayer}