Os alcaldes de Ribeira e Porto o Son supervisan as obras do obradoiro Tahume VI

RIBEIRA> Os alcaldes de Ribeira e Porto do Son visitaban esta mañá diversas obras que están a realizar os alumnos do obradoiro de emprego Tahume 6, compartido polos dous concellos. Durante a visita destacaron a importancia deste tipo de iniciativas formativo-laborais de cara a inserción laboral.

Dende o pasado mes de decembro os vinte alumnos traballadores que forman parte do obradoiro de emprego Tahume 6, compartido polos concellos de Ribeira e Porto do Son,  están a recibir formación e práctica nos módulos de carpintería e moble e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

A falla xa de poucos meses para o remate da súa experiencia, acabarán en setembro, recibiron hoxe unha visita especial, a dos alcaldes e representantes municipais de ambos concellos, para comprobar o resultado das obras que están a levar a cabo actualmente. Neste caso a mellora da varanda do paseo marítimo da Corna, en Palmeira, ou a conservación de espazos e zonas forestais na Aguieira.

Pero a experiencia pretende ir máis alá, e unha vez que conclúa o obradoiro abrirase un prazo para que as empresas poidan contratar ó alumnado. A Xunta outorgará subvencións por traballador de 1.500 euros para un mínimo de tres meses para fomentar a súa inserción laboral.