NOIA> Transcorridos xa varios meses dende o inicio das obras do primeiro tramo da que será a futura autovía que unirá os concellos de Brión e Noia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo visitar esta actuación.
Acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Allegue, e alcaldes e representantes da práctica totalidade de municipios polos que discorre, o titular do Goberno Galego destacou a importancia desta obra, segundo el, estratéxica para mellorar as conexión entre a área de Santiago e a comarca noiesa.
Nesta primeira fase, os traballos de desdobramento afectan os primeiros 4,9 quilómetros desta vía de altas prestacións.
A nova infraestrutura será similar á autovía Santiago-Brión, dispoñendo de dous carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido da circulación, supoñendo un investimento de 11,2 millóns de euros.
Os datos que manexa a Xunta é que esta nova vía poida abrirse e entrar en funcionamento durante o 2027.











