Barraña vivirá este domingo un atractivo derbi entre o Boiro e o Arousa

BOIRO> Aínda que distanciados na clasificación, os dous conxuntos necesitan imperiosamente a vitoria. Os boirenses para escapar dos postos de descenso, que ocupan actualmente, e os vilagarciáns para continuar na cabeza da clasificación. O municipal de Barraña será escenario este próximo domingo dun novo derbi comarcal, neste caso o que enfrontará ó equipo local, o Club Deportivo Boiro, e o Arousa. A pesar de que a distancia na clasificación entre os dous conxuntos é máis que evidente, os boirenses son antepenúltimos con tan só 18 puntos, e os vilagarciáns quintos, con 36, as diferenzas non serán iguais no terreo de xogo. O Boiro chega a este encontro nun momento difícil. A última derrota en liga co Barbadás significou o adeus do adestrador Juan Carlos Andrés, que non foi quen de encauzar o rumbo do equipo na liga. Á espera da chegada dun novo técnico, no banco sentarase este domingo Rubén López, adestrador do equipo cadete, que xa dirixiu o plantel nunha etapa anterior, na destitución de Gelucho. Na súa mente, coma na dos xogadores estará a vitoria. Os tres puntos son vitais para escapar dos postos de descenso directo nos que se atopa agora o equipo. Pola contra, coa moral polas nubes chega o Arousa, que foi quen de vencer nos dous últimos encontros. O trunfo dos vilagarciáns permitiríalles seguir enganchados á parte nobre da clasificación, á espera de posibles picadas dos seus rivais, pois nesta xornada hai varios enfrontamentos directos. O inicio do partido está previsto para as cinco da tarde.