O executivo boirense acusa a Maneiro de querer sacar rédito político coa súa denuncia

    BOIRO> A edil de Servizos Sociais presentou diversos informes que acreditan que a familia para a que o candidato socialista pedía axuda superaba os ingresos mínimos requiridos. É máis a edil de Servizos Sociais acusou ó candidato socialista á alcaldía de querer, en base a esta denuncia, acadar un aproveitamento político. Segundo ela antes de facer pública unha acusación tan grave, debería contrastar a información, como fixeran anteriormente outros compañeiros de formación cando foron sabedores do problema que presentaba esta familia en cuestión. Beatriz Des negou tamén que se desmantelaran programas no seu Departamento, todo o contrario, e en relación ó comedor social, sinalou que a súa posta en marcha se fixo efectiva nun momento concreto, como foi o verán, ó considerar que existían unhas necesidades que agora non se dán. Consciente de que en Boiro existen familias que o están a pasar mal debido á crise, afirmou que dende o concello se está a facer todo o posible por mellorar esta situación. De aí a partida que o concello destinou nos seus presupostos ó Departamento de Servizos Sociais, ata os 900 mil euros, incrementando notablemente a contía para atender as máximas necesidades posibles, e aumentando tamén as axudas a entidades como poden ser Cáritas ou Cruz Vermella.