Congalsa fai fronte á crise cuns resultados históricos

    RIBEIRA> Congalsa pechou o 2014 cunha factuación de setenta e dous millóns de euros e unha distribución de preto de vinte e oito mil toneladas de produtos. O balance foi presentado este sábado na reunión anual cos traballadores na que tamén se fixo entrega do segundo premio Ramón Doval a Josefa Rey. O 2014 non puido ser mellor para Congalsa que pechou o ano cos mellores resultados da súa historial. Vinte e sete mil seiscentas toneladas de produto distribuído e setenta e dous millóns de euros facturados en ventas avalan o bo facer desta compañía, especializada na elaboración de precociñados ultraconxelados de peixe e marisco. O director xeral, Luís Miguel Simarro, foi o encargado de presentar os resultados na gala celebrada este sábado no auditorio municipal de Ribeira á que asistiron os máis de trescentos traballadores da empresa. Precisamente, a dirección de Congalsa considera que o segredo do seu éxito reside na súa plantilla polo que prioriza o emprego estable e a seguridade laboral ó tempo que facilita a formación continua, promoción interna e favorece a conciliación. Como recoñecemento ó labor dos empregados o ano pasado instaurouse o premio Ramón Doval que pretende distinguir ó traballador que mellor representa os valores da empresa tales como o compromiso coa compañía, eficiencia, traballo en equipo, orientación á mellora continua e actitude positiva. Trala primeira edición na que resultou distinguido o director de Relacións externas, Ramón Doval, este ano o galardón que leva o seu nome recaeu nunha traballadora da área de produción, Josefa Rey. Os compañeiros elixiron, de entre os once nominados, a esta traballadora que leva vinte e cinco anos na empresa e que, precisamente, se xubilará este ano. Ademais dunha placa conmemorativa, a empresa fíxose entrega de tres mil cincocentos euros. O resto dos nominados recibiron unha gratificación de cincocentos euros. A gala pechouse cun sorteo de agasallos entre os traballadores e coa exposición dos obxectivos para este 2015, no que Congalsa pretende seguir plantándolle cara á crise e seguir medrando a través do investimento en I+D+I.