O PP de Noia propón unha alternativa ó aparcadoiro subterráneo

    NOIA> O PP de Noia critica o proxecto do aparcadoiro subterráneo deseñado polo executivo local que suporá un investimento de un millón catrocentos mil euros. Como alternativa, propoñen unha reordenación do tráfico e dos actuais estacionamentos que permitiría mellorar a circulación e crear máis prazas de aparcamento en superficie. Dentro dos cambios propostos polo PP para reordenar o tráfico e o estacionamento no casco urbano de Noia, destaca a construción dunha ponte en diagonal que conecte a zona do malecón con San Lázaro. Á parte de dar maior fluidez ó tráfico e contribuír á humanización da contorna, esta solución permitiría liberar espazo para habilitar setenta e sete prazas de aparcamento nas inmediacións da praza de abastos. Ademais de propoñer esta actuación, que contaría cun orzamento estimado de oitocentos mil euros no que poderían participar outras administracións, os populares apostan pola reubicación das prazas de estacionamento na rúa paralela ó cemiterio de Santa María A Nova que permitiría a creación de trinta e catro puntos de estacionamento. Dende o PP contrapoñen as súas propostas ó proxecto para a construción do aparcadoiro soterrado proposto polo executivo. Denuncian que o concello investirá un millón catrocentos mil euros de fondos propios nunha actuación que só incrementará en dez o número de prazas existentes na actualidade na rúa Xuíz Falcone. Propoñen no seu lugar a demolición do muro de contención do campo da feira para desprazalo uns metros permitindo que se habiliten estacionamentos en batería nas dúas marxes da rúa. Segundo a estimación dos populares, crearíanse ata 128 prazas de dos metros e medio de ancho fronte ás cento vinte e cinco do aparcamento subterráneo.