Malestar entre o sector do mar ante a posible reapertura da mina de San Finx

LOUSAME> Continúan as protestas en contra do reinicio da actividade mineira en San Finx. Mariscadores e veciños de toda a comarca concentráronse ás portas do concello de Lousame antes do pleno no que se debatía a moción presentada pola confraría de Noia para que non se autorice o vertido dos residuos mineiros ó río Pesqueira.

Os profesionais do mar da ría noiesa alzáronse contra a previsible reapertura da mina se San Finx en Lousame. O inicio do expediente para autorizar o reinicio da actividade e o vertido das augas residuais ó río pesqueira motivou que a confraría de pescadores de San Bartolomeu presentara unha moción en tódolos concellos da comarca demandando o apoio das corporacións locais en contra deste proxecto polas súas negativas consecuencias sobre a ría e a explotación dos bancos marisqueiros. Mentres que en Noia e Outes, a proposta foi aprobada por unanimidade, en Lousame a moción contou unicamente co respaldo do BNG mentres que o PSOE abstívose e o PP botou en contra.

Dende o concello entenden a preocupación do sector do mar pero apoiarán o desenvolvemento da explotación mineira sempre que se cumpra a legalidade co máximo rigor favorecendo mesmo a recuperación do río, segundo establecen os informes técnicos da Xunta. Os argumentos esgrimidos tanto polo grupo de goberno como pola voceira do PSOE non convenceron ós mariscadores que, encabezados polo BNG, protagonizaron unha mobilización ás portas da casa consistorial.

Rosana Pérez anunciou que os nacionalistas levarán ó Parlamento esta iniciativa a mediados de decembro polo que anima a concellos e asociacións de profesionais a presentar alegacións en contra do proxecto presentado pola empresa Tungsten San Finx S.L. Polo momento, as confrarías de Noia, Muros, Portosín, Porto do Son e a Asociación de Produtores de Mexillón da Ría de Muros e Noia xa remitiron un escrito de alegacións conxunto en calidade de prexudicados. Reclaman que se denegue a autorización de vertido de augas residuais e que o proxecto de explotación da mina se someta ó correspondente estudo de impacto ambiental.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí