A Ministra de Agricultura atende as reclamacións do sector pesqueiro da ría de Arousa

    CAMBADOS> A Ministra de Medio Ambiente visitou esta mañá diferentes puntos da ría de Arousa. Unha conserveira, unha batea e un banco marisqueiro, foron os destinos de Isabel García, que coñeceu de primeira man e de boca dos patróns arousáns algúns dos problemas que están a asfixiar a este sector, clave para a economía da ría.

     

    Na súa ruta pola ría de Arousa, a Ministra visitou as diferentes etapas do ciclo de produción. A primeira hora arrancou na conserveira Jealsa-Rianxeira, de Boiro, para seguir por unha batea. Xa en Cambados, Isabel García puxo as botas e incluso colleu a raña para falar de preto coas mariscadoras do banco de O Sarrido.

    Cos seus 2 millóns de metros cadrados, O Sarrido é o maior banco marisqueiro da ría. Nel traballan ao redor de 200 mulleres que hoxe, a través da súa presidenta, trasladaron as súas reclamacións á ministra.

    Por iso, os patróns maiores entregaron á ministra unha carta coas súas problemáticas: a xestión dos encoros, a contaminación, a falta de control de produtos que chegan de fóra ou o furtivismo, son algúns dos máis urxentes. Tamén a mortandade masiva dalgúns recursos, como o berberecho, case desaparecido da ría pola presenza do parasito Marteilia.

    A ministra falou tamén da nova Lei de Pesca Marítima. Segundo Isabel García, a norma presta especial atención a aspectos como a igualdade de xénero, a innovación ou o desenvolvemento sostible; unha das claves para garantir a viabilidade do sector no futuro.

    García, ademais, fixo fincapé na necesidade de impulsar o turismo mariñeiro. Unha área na que Cambados é un alumno avantaxado.

    A visita ao Intecmar pechou a ruta ao mediodía, que rematou esta tarde coa xuntanza que Isabel García mantivo en Pontevedra con representantes do cerco.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/09/visita_tejerina_arousa.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/09/visita_tejerina_arousa.mp4{/flowplayer}