Vilagarcía daralle unha volta ao seu rueiro para eliminar as rúas con nomes franquistas

VILAGARCÍA> Vilagarcía diralle adeus en breve á Rúa Conde Vallellano, Xeneral Yagüe e Almirante Fontán. O Concello quere cumprir dunha vez por todas a Lei de Memoria Democrática e eliminar do rueiro municipal os vestixios da ditadura franquista. Esta mañá, celebrouse un encontro entre os voceiros das distintas formacións políticas para avanzar no cambio de nomes buscando o maior consenso posible e dándolle máis protagonismo ás mulleres. Dende Iniciativa pola Memoria din que aínda quedan outras mostras de apoloxía do franquismo na cidade que hai que eliminar e cren que o cambio de nome destas rúas chega tarde.

A rúa Conde Vallellano será a primeira en cambiar axiña de nome. O concello de Vilagarcía quere cumprir dunha vez coa Lei de Memoria Democrática, eliminando do rueiro da cidade esta vía dedicada ao que fora ministro de obras públicas durante a ditadura. Tamén queren rebautizar outras dúas vías: Xeneral Yagüe e Almirante Fontán. Esta mañá, celebrouse un encontro entre os voceiros das distintas formacións políticas para avanzar no cambio de nomes buscando o maior consenso posible.

O que teñen claro dende o concello é que os cambios deben servir tamén para darlle máis protagonismo á presenza de mulleres, practicamente invisibles no mapa da cidade.

Unha postura que comparten dende Iniciativa pola Memoria. Dende este colectivo din que ademais de Luis Pando e Gómez Paratcha, merecen unha rúa tres mulleres da vila que sufriron a brutalidade da represión franquista.

Con todo, dende Iniciativa pola Memoria cren que estes cambios chegan tarde e que os vestixios do réxime ditatorial deberan ter desaparecido hai xa moito tempo, máis aínda co PSOE gobernando no concello.

No goberno local recoñecen a demora neste cambio, apuntando que si se teñen dado avances significativos nos últimos anos, como a retirada da cruz franquista da igrexa. No concello tamén están a estudar o cambio das rúas Rey Daviña, Rivero de Aguilar e Fariña Ferreño pero, neste caso, non hai unanimidade sobre a súa retirada.

Dende Iniciativa pola Memoria esixen o cambio desas rúas e que se cumpra a lei ata o final, coa retirada dos derradeiros vestixios do franquismo que aínda perviven.

De momento, a intención de Ravella é facer efectivo o cambio de nomenclatura de Conde Vallellano, Xeneral Yagüe e Almirante Fontán antes deste verán.