Un acordo cos afectados permite demoler ‘sen ruído’ as tres chabolas de O Vao

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/12/demolicion_chabolas_vao.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/12/demolicion_chabolas_vao.mp4{/flowplayer}

 

POIO> Executado o derrube das tres chabolas do poboado de O Vao. O concello de Poio realizou finalmente os traballos de xeito discreto e sen presenza das forzas de seguridade, tras acadar un acordo coas familias afectadas e a empresa encargada da tarefa. Así as cousas, cumprida a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o alcalde fixo fincapé no deterioro das condicións deste poboado marxinal.

Estaba previsto que as demolicións arrancaran o día 17, pero un acordo coas familias permitiu que os traballos se realizaran xa esta semana.

Na mente de todos estaba evitar o conflito do 2008, cando o concello executou as demolicións de doce vivendas ilegais.

Agora só quedan algúns escombros por retirar. As familias xa están realoxadas no entorno de A Barca e Porto Santo, nunhas vivendas que ocuparán durante dous meses a cargo do concello. Pero o alcalde chama a atención sobre o deterioro que está a rexistrar o poboado.

En O Vao viven ao redor de 300 persoas; 40 familias que, na súa maioría, viven entre lixo e escombros. Dende o concello denuncian a falta de interese por buscar solucións.

Para o alcalde, a solución podería pasar por un proxecto pensado hai anos: a urbanización de todo o poboado chabolista, a construción de corenta vivendas e a apertura dun vial. Actualmente, ninguén recorda esta posibilidade.

Un paliativo para a situación na que viven estas familias que, segundo o alcalde, experimentou un importante deterioro nos últimos cinco anos.