N.O.I.A integrará un bipartito encabezado polo PSOE

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/12/acordos_concello_noia_1206151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/12/acordos_concello_noia_120615.mp4{/flowplayer} NOIA> Noieses Independentes Agrupados integrará un bipartito liderado polo PSOE de Noia. A formación encabezada por Marisol Villar deixou ata o último momento a decisión que tomaba a pasada tarde nunha xuntanza cos socialistas. As dúas formacións gobernarán en minoría xa que Marea Cidadá e BNG non entrarán no executivo aínda que si facilitarán a investidura de Miguel Paz. A piques de constituírse as novas corporacións locais, quedaba por desvelar a incógnita de quen tomaría o mando no concello de Noia. O grupo de Noieses Independentes Agrupados, con dous edís, tiña a chave para decidir a orientación do futuro executivo. Un hipotético pacto co PP, a forza máis votada, consolidaría un goberno con maioría absoluta. Sen embargo, os independentes optaron por manter un goberno de esquerdas e integrarán un bipartito liderado polos socialistas. Ámbalas dúas forzas conformarán unha coalición en minoría polo que precisarán acordos puntuais cos partidos da oposición. En principio, o entendemento non parece difícil, xa que Marea Cidadá e o BNG xa manifestaron a súa vontade de apoiar a Miguel Paz na súa investidura como alcalde. Haberá que agardar a ver se a boa sintonía se mantén durante o resto da lexislatura na que o Partido Popular, a pesar de ser a forza máis votada con oito concelleiros, sentará na oposición.