Arriva acometerá melloras nas liñas Ribeira-Santiago

    RIBEIRA> O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, recibiu esta mañá no seu despacho ó director xeral de Arriva Noroeste, Juan Gómez Piña. O encontro tiña coma finalidade presentarlle o programa de melloras que a compañía de transporte urbano ten previsto realizar nas liñas de autobuses entre Ribeira e Santiago, das que é adxudicataria. Gómez Piña trasladoulle ó rexedor ribeirense a intención da compañía de reducir os tempos de viaxe a Santiago en 45 minutos. Ademais, tamén lle informou de que Arriva vai negociar con Renfe e Adif a ubicación dunha parada de autobuses na propia estación de ferrocarril en Compostela que lle facilite ós pasaxeiros a conexión con esta rede de transporte e que se poida mercar o billete completo en Ribeira. Dende o concello respaldouse estas propostas ó entender que redundan nunha mellor prestación do servizo para os veciños do municipio. O alcalde tamén compartiu co representante de Arriva as intencións que ten o concello de construír unhas modernas marquesinas na propia cidade e desbotar a idea dunha nova estación de autobuses, que encarecería o servizo.