Os bombeiros extinguen un incendio nun edificio abandonado en Cabo de Cruz

BOIRO>  O lume, que se orixinaba esta pasada noite, afectou a un edificio inacabado que podería estar sendo empregado por persoas sen fogar para pasar a noite. Non houbo que lamentar danos persoais.

Amplo dispositivo de emerxencias o que se mobilizou esta pasada noite para apagar un incendio no ático dun edificio abandonado en Cabo de Cruz, situado na rúa Mangas, a escasos metros do colexio Santa María do Castro. Ata o lugar desprazáronse rapidamente varias dotacións dos parques de bombeiros de Boiro e Ribeira, así como tamén do Grupo Municipal de Emerxencias. O edificio xa estaba baleiro, polo que os equipos de emerxencias encargáronse de sufocar as chamas que se orixinaban ó parecer nun colchón existente nunha das plantas superiores do inmoble.

Segundo explicaron os propios veciños da zona a parte superior do edificio, na que precisamente se orixinaba o incendio, era empregada habitualmente por persoas sen teito para pasar a noite.