A comunicación centrará o programa de ’21 días co galego’

    POBRA> O instituto da Pobra porá en marcha unha nova edición do Programa 21 días co galego. A través desta iniciativa pretenden promover o uso da lingua non só no ámbito educativo senón tamén na súa vida cotiá. Un ano máis o concello colabora co Instituto da Pobra na organización do programa 21 días co galego, unha iniciativa que busca a promoción da lingua entre a comunidade educativa. Ademais de mestres e alumnos contan co apoio das familias e do pequeno comercio da vila que se suma a este programa a través do centro comercial aberto O Deán. O concello financia a cartelería e material informativo así como o obradoiro de radio. Esta será a actividade central na que os rapaces poderán asomarse ás ondas a través dunha pequena emisora habilitada no centro que servirá como punto de partida para un proxecto de radio escolar. A comunicación será o tema central destas xornadas xa que, ademais do obradoiro de radio, potenciarase o coñecemento da rede en galego a través de webs que utilizan a lingua como principal vehículo.A través desta iniciativa e do traballo desenvolvido durante todo o ano, o centro educativo pretende frear a perda de galegofalantes detectada nos últimos anos.