O incendio da gasolineira de Praceres puido iniciarse nun xerador de xeito accidental

PONTEVEDRA> Gran susto no barrio de Praceres, en Pontevedra. A última hora da tarde de onte, declarábase un incendio nunha estación de servizo do lugar. Cun amplo dispositivo, os corpos de seguridade conseguiron controlar as lapas sen que se produciran danos persoais. Hoxe, a Policía Científica investigaba as causas sobre o terreo. Polo de momento, os indicios apuntan a que o lume foi accidental.

Durante toda a mañá a Policía Científica continuou coa investigación para atopar as causas do espectacular incendio rexistrado onte na gasolineira de Praceres. Aínda non hai un informe definitivo, pero todo apunta a que o lume foi accidental e se orixinou nun xerador do depósito de combustible.

Despois de recibir o visto bo da Policía, os empregados da estación de servizo empezaron a traballar a marchas forzadas para recuperar a normalidade.

A pesares da importancia do incendio, non se rexistraron danos persoais. Os materiais aínda están pendentes de cuantificar.

O amplo dispositivo púxose en marcha co primeiro aviso do lume, ás 8 menos dez da tarde. Ás 10 e cuarto xa se daba por controlado. Aínda así, no lugar quedaron ata a madrugada efectivos dos bombeiros para controlar que non reavivaran as lapas.

As Policías Locais de Pontevedra e Marín, os bombeiros de Pontevedra, Policía Nacional e a Garda Civil de Tráfico e os bombeiros de O Morrazo e O Salnés participaron no operativo. Tamén as agrupacións de Protección civil de ambas localidades.

Finalmente, só foi necesaria a evacuación de tres vivendas, a pesares de que o concello xa contactara coa Brilat e un hostaleiro local por se fora necesario desaloxar a máis veciños.

Dende o concello recoñeceron a existencia de denuncias veciñais do mes de setembro en relación ao estado no que se atopaba o xerador. No seu momento, a Policía Local levantara un acta que foi trasladada ao servizo de Disciplina Urbanística. Un expediente que, segundo Carme da Silva, seguirá o seu curso.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/05/incendio_gasolineira_praceres.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/05/incendio_gasolineira_praceres.mp4{/flowplayer}