A antiga escola dos Campos, en Mourente, será a nova sede do GDR Pontevedra – O Morrazo

PONTEVEDRA> A vella escola dos Campos, en Mourente, vaise converter na nova sede do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra – O Morrazo. O goberno local acaba de aprobar un proxecto para a rehabilitación do inmoble, que rolda os 453.000 euros.

Tralo seu peche como centro educativo, as vellas escolas dos Campos, en Mourente, foron buscando diferentes  usos para as súas instalacións. O Concello xa impulsou nos últimos anos varios proxectos que, agora, van convivir coas instalacións do Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra – O Morrazo. A idea é que ese espazo sexa o novo centro de traballo do GDR, creando diferentes espazos para reunións e oficinas.

Agora mesmo, o GDR ten como sede provisional o edificio de Santa Clara. O seu cambio suporá un incremento notorio do espazo dedicado a este organismo. Segundo o proxecto inicial, a nova sede do Grupo de Desenvolvemento Rural ocuparía unha superficie que supera os 470 metros cadrados.

Para o impulso da reforma da escola dos Campos, o concello calcula un investimento que rolda os 453.000 euros. A intención que o proxecto conte cunha subvención de ata o 40%, con cargo ós fondos do Plan Leader.