Malestar entre os taxistas barbanzáns polas novas liñas de autobús

    BARBANZA> O colectivo de taxistas da Barbanza, integrado por máis de medio cento de profesionais, pon o seu acento nos servizos que unirían Boiro co hospital da Barbanza, e Ribeira co aeroporto ou a estación de trens de Santiago. O recente anuncio da empresa Arriva de mellorar o servizo de autobuses que presta a diario, que une Barbanza con Santiago, así como a creación dunha nova liña de autocares directa entre Boiro e o hospital barbanzán, non caeu demasiado ben no colectivo de profesionais do taxi desta comarca, que xa se están a mobilizar para tratar de frear estes proxectos, ó considerar que os van a prexudicar gravemente. Segundo os propios taxistas estas liñas están hoxe en día o suficientemente cubertas, polo que se chegar a instaurarse sería unha desagradable nova para o sector. Unha representación do gremio xa mantivo unha xuntanza cos alcaldes da zona, durante o últio pleno da mancomunidade Arousa Norte, na que lle trasladaron a súa problemática, e agora están á espera de manter unha entrevista coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia. De non chegar a unha solución satisfactoria para os seus intereses, os taxistas non descartan realizar outro tipo de mobilizacións para que se teñan en conta as súas demandas.