A creatividade centrará a cuarta edición do Pecha Kucha

    BOIRO> A ABE organiza a cuarta edición do Pecha Kucha, unha iniciativa que busca a dinamización empresarial a través da cultura. Sete innovadoras empresas participarán no encontro que se celebrará o doce de marzo na sede da patronal. Un ano máis, e xa van catro, a Asociación Boirense de Empresarios volve apostar polo binomio cultura e empresa para o desenvolvemento da economía local. Serán sete as empresas que participen nesta cuarta edición do Pecha Kucha. Algunhas con sede en Boiro ou na comarca e outras con maior proxección cara o ámbito nacional aínda que todas co nexo común da creatividade como sinal de identidade. Dende o concello destacaron a importancia desta cita xa consolidada para apoiar non só ó empresariado senón especialmente ó emprendemento xuvenil como alternativa á crise. Por esta razón seguirán a colaborar con este tipo de iniciativas dinamizadoras promovidas pola ABE, tal e como o veñen facendo con campañas como a de Nadal, Boiroferta ou Noite Aberta. Ó longo desta lexislatura o executivo leva realizado un gran esforzo inversor no ámbito empresarial co investimento de máis de trescentos cincuenta mil euros no polígono de Espiñeira ou os 2’9 millóns para a posta en valor das principais rúas e áreas comerciais da vila.