O Valedor do Pobo insta á retirada dun guindastre que opera sen licenza

    guindastresirves_100_130209.jpgRIBEIRA> O Valedor do Pobo dou a razón a José Juan Pérez, un veciño de Sirves que solicita a retirada dun guindastre que opera xunto á súa finca.

    {flowplayer}barbanza/guindastresirves.flv{/flowplayer}

    Xa en outubro de 2007, José Juan Pérez Lobera, denunciaba esta situación ante os medios e o propio concello. Tras un longo proceso, no que a grúa obxecto da denuncia non deixou de funcionar, o concello remitiu un escrito ó afectado informando da situación ilegal desta instalación.

    No escrito, que tamén se lle notificou ós propietarios da empresa de materiais de construción, establecíase un mes de prazo para a retirada do guindastre, a partir do cal se sometería a unha inspección puidéndose establecer un novo prazo, esta vez improrrogable, de seis meses.

    Dende entón, Pérez Lobera, non volveu ter novas nin sabe se o concello realizou dita inspección. O único certo é que a grúa segue a funcionar transportando materiais pesados por riba da súa propiedade e mesmo da estrada sen ningún tipo de sinalización.

    Ilegalidade

    Pérez Lobera solicitou ó concello en varias ocasións información sobre o estado do expediente que podería derivar nunha sanción ou mesmo na paralización da actividade. Sen embargo, ata o de agora non obtivo resposta. Por este motivo decidiu acudir ó valedor do pobo, institución que acaba de respostarlle dándolle a razón posto que a empresa de construción non ten permiso para ter en funcionamento a grúa. Aínda máis, segundo o escrito do valedor, a empresa nin sequera ten licenza para a súa actividade posto que se ubica nun núcleo rural urbano.

    Coa resposta satisfactoria do Valedor, José Juan Pérez esixe ó concello que faga efectivas as súas resolucións e que obrigue á empresa á retirada da grúa que constitúe un risco para a seguridade dos veciños.

    Redacción Barbanza