Matrioshka busca o apoio do público para levar a súa obra de xira

    BOIRO> A compañía teatral Matrioska organiza unha campaña de crowfunding para realizar unha minixira coa súa obra Ces´t la vie. Pretenden implicar ó público na compra de entradas, a distintos prezos segundo as recompensas adquiridas. De obter os fondos necesarios, a obra recalará en Santiago, Vigo e Boiro. Manter vivo o teatro a través da cooperación público. Esta é a idea esencial da campaña de crowfunding que está a levar a cabo a compañía Matrioska para poder levar o seu último traballo a tres cidades galegas. Os destinos da xira son Santiago, Vigo e Boiro, onde se representaría o trinta de abril. A elección da vila barbanzá non é casual senón que se debe á vinculación da boirense Trini Fernández Silva con esta produción que lle fixo merecedora dun premio María Casares á mellor maquillaxe. O concello de Boiro colabora co proxecto cedendo as instalacións e nas tarefas de publicidade e distribución. Os interesados en reservar a súa entrada, que vai dende os dez euros ata os trescentos nos que se inclúe un curso de teatro, poden facelo a través da web vkm.is. O día 31 de marzo pecharase o periodo de venda e será entón cando se coñeza a cifra de fondos recadados. O mínimo para poder levar a xira adiante son cinco mil euros.