EU dubida da cesión da parcela do novo aparcadoiro e da ampliación do Hospital

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/13/eu_hospital_salnes.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/13/eu_hospital_salnes.mp4{/flowplayer} 

 

VILAGARCÍA> Esquerda Unida sementa as dúbidas sobre as obras de ampliación do Hospital do Salnés. O grupo municipal alerta de que aínda non se comezou ningún traballo no propio centro, limitándose as actuacións a intervencións nos arredores. A formación desconfía, ademais, do convenio asinado entre concello e Fundiciones Rey para a construción do novo aparcadoiro, inaugurado onte.

Esquerda Unida dubida da cesión durante os vindeiros tres anos dos terreos para o novo aparcadoiro. O grupo descoñece o convenio entre o concello e a empresa propietaria, e denuncia o uso de cartos públicos para habilitar un espazo de titularidade privada.

Dende a formación tamén ven insuficientes as 150 prazas do aparcadoiro inaugurado onte. Critican, ademais, que se primara o convenio cunha empresa privada en lugar de buscar outras alternativas.

Esta non é a única dúbida de Esquerda Unida sobre o futuro do hospital. A formación volveu pór en entredito os anunciados traballos de ampliación.

Insisten en que ata o de agora os traballos limitáronse a cuestións alleas á prometida ampliación. 

Esquerda Unida tamén advertiu de supostas dificultades técnicas para levar a cabo o proxecto tal e como está planeado. Para conseguir máis detalles, o grupo presentará unha batería de preguntas no concello. AGE fará o mesmo no Parlamento autonómico.