O executivo muradán investiu uns corenta mil euros en mellorar os pozos de bombeo

MUROS> A actuación, financiada con cargo a unha subvención da Deputación da Coruña, virá a mellorar a calidade do tratamento das augas residuais no municipio. A finalidade das obras non era outra que poñerlle fin ás avarías que se producían con certa asiduidade en determinados pozos de bombeo da rede xeral de saneamento. A actuación, que permitiu a instalación de cestóns e filtros para un mellor tratamento das augas residuais, foi posible grazas a unha subvención de corenta mil euros da Deputación da Coruña en materia de medio ambiente. Segundo informou a propia alcaldesa, a intención do executivo pasa por ir traballando de cara a consecución do saneamento integral do municipio. De aí que teñan previsto incluír na relación de actuacións a realizar con cargo ó POS + da Deputación para o vindeiro ano dúas obras en esta materia en Muros e Esteiro.