O BNG pide no Parlamento un plan director para o hospital do Barbanza

    POBRA> O BNG do Barbanza levará unha iniciativa ó Parlamento solicitando un Plan Director para o Hospital do Barbanza. Un documento no que, segundo os nacionalistas, debería contemplarse a ampliación de camas do centro así como a dotación de máis persoal e recursos a certas especialidades. O BNG volve poñer sobre a mesa os recortes na sanidade pública que están a sumir ó Hospital do Barbanza no esquecemento. Denuncian os nacionalistas que nos últimos anos non se ten investido nin un só euro neste centro que na actualidade precisa dunha ampliación para atender a crecente demanda. As áreas de urxencias e laboratorio son as máis necesitadas de espazo mentres que as especialidades de radioloxía e rehabilitación e fisioterapia acusan xa a falla de medios. Por esta razón, os nacionalistas solicitarán no parlamento a posta en marcha dun plan director para o hospital que contemple todas estas necesidades. Ademais das carencias hospitalarias, os nacionalistas denuncian a perda de calidade na atención primaria. Para denuncialo, convidan á cidadanía a participar na mobilización convocada para mañá pola plataforma en defensa da sanidade pública.