Portos traballa para encher de servizos a Estación Marítima e o porto de Vilanova

    VILANOVA> Novidades para o Porto de Vilanova. Esta mañá, o presidente de Portos de Galicia visitou as instalacións da estación marítima para formalizar a autorización para o servizo de cafetería. Pero este non será o único contido do inmoble: o ente autonómico xa traballa no marco do proxecto europeo Nea3, para convertelo nun punto de promoción do nautismo en Galicia.

     

    Dende este xoves, a cafetería da estación marítima de Vilanova será unha realidade. A autorización recaeu finalmente nun empresario da vila, que poderá explotar este servizo durante os vindeiros tres anos.

    Con esta autorización de Portos de Galicia, o porto de Vilanova engade un novo servizo para os seus usuarios. Pero queda un pendente: dotalo dun surtidor de combustible. O servizo foi adxudicado hai tres anos, mais aínda non comezou a funcionar.

    Ademais deste servizo, o ente traballa para dar máis contido á estación marítima. Desta volta, sería xa pensando no 2016, no marco do proxecto europeo Nea3 de promoción do nautismo.

    Na súa visita, José Juan Durán falou tamén doutras intervencións que está a realizar Portos de Galicia en portos das rías de Arousa e de Pontevedra. Ao redor de nove peiraos beneficiaranse destes investimentos, pensados para mellorar a seguridade dos profesionais e o mantemento e conservación das instalacións.

    Para esta actuación, o ente autonómico destinou preto de 100 mil euros. Esta intervención completarase coa reparación de balizas nestes portos, por un importe de máis de 25 mil euros.

     

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/18/portos_vilanova_balizas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/18/portos_vilanova_balizas.mp4{/flowplayer}