Pontecesures convocará sendos certames cos nomes de Maside e Borobó

    PONTECESURES > Carlos Maside e Borobó darán nome a cadanseu premio no Concello de Pontecesures. É a principal novidade dun ambicioso programa cultural que deseña o goberno local para o vindeiro ano. A programación iníciase este Nadal con arte, obradoiros, cine e maxia, entre outras actividades.

    O Concello de Pontecesures convocará o vindeiro ano un premio de pintura Carlos Maside e outro de Xornalismo co nome de Raimundo García Domínguez, Borobó. Así o anunciou o alcalde na presentación da programación cultural deste Nadal. Luís Álvarez Angueira explicou que en breve recibirán a visita do director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, a quen lle transmitirán estes proxectos ademais do de posta en valor da memoria histórica de Pontecesures.

    O alcalde de Pontecesures destacou que coa colaboración do novo goberno autonómico, o concello está a deseñar un programa de difusión cultural ambicioso para todo o ano. O punto de partida son as actividades programadas para este Nadal. Comezan o luns cunha exposición de autores do Salnés que se poderá visitar na Casa do Concello ata o 4 de xaneiro. Do 26 ó 29 deste mes desenvolverase a Semana dos Pequenos, unha serie de obradoiros lúdicos e educativos para nenos de 4 a 10 anos. O 30 de decembro, hai un sesión de contacontos a cargo de Anxo Moure, da ONG Bicis pola paz, que estará ás once da mañá no centro social. O 4 de xaneiro teñen sesión de maxia co Mago Teto, que estará ás sete da tarde tamén no centro social. A novidade este ano será unha proxección e un curso de iniciación á curtametraxe coa colaboración da productora Mr Misto Films. A sesión de cine será os días 23 e 30 ás oito e media da tarde, e o curso celebrarase entre o 2 e o 7 de xaneiro.

    Non faltará a Cabalgata de Reis, chegará ás cinco e media da tarde á Plazuela, e das panxoliñas encargaranse os grupos A Barcarola e Malvela.

    Redacción Salnés