SANXENXO> Un traballo de fin de grao é o xermolo de Culturhelp, un festival cultural e solidario que dende o venres ao domingo porá en marcha Andrea Area, estudante de Comunicación Audiovisual en Sanxenxo. Cultural porque durante os tres días ofertará actividades de música, fotografía, cine ou ilustración. Solidario porque a entrada pagarase en especies: roupa, calzado, comida ou doazóns, que irán destinados a Cáritas do concellos.
Arte a cambio de solidariedade. Esta é a proposta de Culturhelp, o festival solidario que se celebra esta fin de semana en Sanxenxo.
‘1 kilo de cultura, 1 kilo de axuda’ é o seu lema. E é que a entrada a todas as actividades pagarase en especies.
Andrea Area é a súa promotora e o cerebro detrás desta proposta. A idea naceu en outubro de 2014 como un proxecto de final de grao. Cinco meses despois, é toda unha realidade.
Andrea é a que leva o peso da organización, pero xunto a ela hai todo un equipo de voluntarios para pór o festival en marcha. Compañeiros do sector, de promoción, membros de Cáritas, propietarios de locais da vila… todos traballan para que todo saia perfecto.
O Festival Culturhelp arrancará este venres, aínda que a comezos de semana xa abriu na Sala Nauta a súa exposición fotográfica “Mostras Solidarias”. A mostra, composta por fotografías de dous compañeiros de promoción de Andrea, xa superou os 20kg de alimentos recadados.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/18/culturhelp_sanxenxo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/18/culturhelp_sanxenxo.mp4{/flowplayer}