A Ministra de Fomento inaugura a ampliación da Tomada

    POBRA> A Ministra de Fomento desprazouse este sábado ata a Pobra para inaugurar a ampliación do polígono da Tomada. Ana Pastor anunciou unha redución do prezo do chan para os empresarios que instalen as súas factorías nesta segunda fase. Ano e medio despois da colocación da primeira pedra, a ministra de Fomento volvía á Pobra para inaugurar a ampliación do polígono da Tomada. Esta segunda fase está xa totalmente rematada e dotada de tódolos servizos para que as empresas poidan instalarse. E ademais de tódolos equipamentos, conta cun atractivo máis para os empresarios que no seu día apostaron por esta ampliación: a rebaixa do prezo do metro cadrado que pasará de cen a setenta e cinco euros. Os máis de cen mil metros cadrados de ampliación divídense en vinte e catro parcelas industriais máis unha de equipamento de entre 1400 e 2200 metros cadrados; todas vendidas e ocupadas. Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, destacou a colaboración entre administracións públicas e iniciativa privada para executar unha infraestrutura que suporán un foco dinamizador da economía en toda a comarca. O alcalde da Pobra quixo agradecer o apoio do Ministerio que dirixe Ana Pastor polo compromiso que ten amosado con Galicia. Nesta liña, seguirán a traballar dende o concello para dotar ó polígono de novos servizos que melloren a súa competitividade como a conexión coa estrada de circunvalación.